REFORMA DO TRABALLO AUTÓNOMO

REFORMA DO TRABALLO AUTÓNOMO

LEXISLACION LABORAL

LEI 6/2017, DE REFORMA URXENTE DO TRABALLO AUTONOMO (BOE 257, DO 25/10/2017)

MEDIDAS CON ENTRADA EN VIGOR O 01/01/2018:

NOVO RÉXIME DE RECARGOS POR COTIZACIÓNS A SEGURIDADE SOCIAL, INGRESADAS FÓRA DE PRAZO.

  1. Con presentación en prazo dos documentos de cotización:

.- Se o ingreso se produce no primeiro mes natural seguinte ao vencemento do prazo de ingreso: recargo do 10% da débeda.

.- Se o ingreso se produce a partir do segundo mes natural seguinte ao vencemento do prazo: recargo do 20% da débeda.

  1. Sen presentación dos documentos de cotización:

.- Se o ingreso se produce dentro do prazo que figure na reclamación de débeda: recargo do 20% da débeda.

.- Se o ingreso se produce a partir do remate do prazo anterior: recargo do 35% da débeda.

As débedas por conceptos distintos de cotas de cotización, cando non se abonen no prazo regulamentario que teñan establecido, terán un recargo do 20%.

COTA REDUCIDA DE SEGURIDADE SOCIAL PARA OS TRABALLADORES AUTÓNOMOS QUE EMPRENDAN OU REEMPRENDAN UNHA ACTIVIDADE POR CONTA PROPIA.

Os traballadores por conta propia que causen alta inicial ou que non estiveran de alta nos 2 anos anteriores no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), terán dereito a unha redución na cotización por continxencias comúns, que quedará fixada na contía de 50 € mensuais durante 12 meses, no caso de que coticen pola base mínima de cotización para este réxime.

No caso de que optasen por unha base de cotización superior á mínima,  poderán aplicar durante os 12 primeiros meses unha redución será do 80% da cota de cotización por continxencias comúns, resultante de aplicar o tipo vixente á base mínima de cotización. (Coa base de cotización actual, o desconto na cotización sería de 219,28€ mensuais).

Tras este período inicial e ata completar un período máximo de 24 meses dende a data de alta, os traballadores autónomos terán as seguintes reducións/bonificacións na cotización:

  1. Redución do 50% da cota de cotización por continxencias comúns, resultante de aplicar o tipo vixente á base mínima de cotización, durante 6 meses. (Coa base de cotización actual, o desconto na cotización sería de 137,05€ mensuais).
  2. Redución/bonificación do 30% da cota de cotización por continxencias comúns, resultante de aplicar o tipo vixente á base mínima de cotización, durante 6 meses. (Coa base de cotización actual, o desconto na cotización sería de 82,23€ mensuais).

Os traballadores autónomos menores de 30 anos (35 anos, no caso de mulleres) poderán aplicar, durante 12 meses máis, unha bonificación do 30% da cota de cotización por continxencias comúns, calculada sobre a base mínima de cotización; de xeito que para este colectivo a duración total destes beneficios na cotización será de 36 meses.

Cando os traballadores autónomos xa desfrutasen nun anterior período de alta no RETA destes beneficios na cotización, o período de NON ALTA no RETA para poder acceder de novo a estas reducións/bonificacións será de 3 anos.

Estes beneficios tamén serán aplicables aos socios de sociedades laborais e a socios traballadores de cooperativas de traballo asociado encadrados no RETA. Asimesmo, tamén serán aplicables no caso de que os beneficiarios empreguen a traballadores por conta allea.

BENEFICIOS NA COTIZACIÓN PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE, VÍCTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO E VÍCTIMAS DE TERRORISMO QUE EMPRENDAN OU REEMPRENDAN UNHA ACTIVIADE POR CONTA PROPIA

Durante os 12 meses primeiros meses de alta no RETA, estes colectivos desfrutarán da mesma redución detallada na medida anterior para o resto dos traballadores autónomos (cota de 50 euros mensuais ou redución do 80% da cota de cotización, calculada sobre a base mínima, no caso de optar por base de cotización superior á mínima), cando causen alta inicial no RETA ou non estiveran de alta nos 2 anos anteriores (3 anos, cando xa desfrutaran destes beneficios no anterior período de alta no RETA).

Tras os 12 primeiros meses, poderán aplicar unha bonificación do 50% da cota de cotización por continxencias comúns, resultante de aplicar o tipo vixente á base mínima de cotización, por un período máximo de 48 meses, co que completan 5 anos de beneficios na cotización. É dicir, para as bases de cotización actuais, o desconto na cotización do autónomo sería de 137,05€ mensuais.

Ao igual que na medida anterior, estes beneficios tamén serán aplicables aos socios de sociedades laborais e a socios traballadores de cooperativas de traballo asociado encadrados no RETA. Asimesmo, tamén serán de aplicación no caso de que os beneficiarios empreguen a traballadores por conta allea.

EFECTOS DE ALTAS E BAIXAS NO RÉXIME ESPECIAL DE TRABALLADORES AUTÓNOMOS

A solicitude de afiliación e/ou ata 3 altas no Réxime Especial de Traballadores Autónomos, dentro cada ano natural, terán efectos dende a data de inicio da actividade económica. Igualmente, ata 3 baixas no RETA terán efectos no día en que o autónomo cese na actividade. Nestas ocasións, a cotización será polos días efectivamente de alta.

O resto de altas e baixas que se produzan no ano natural terán efectos dende o día primeiro do mes natural en que se inicie a actividade económica (as altas) e no último día natural do mes en que o autónomo cese na actividade (as baixas); datas que marcarán o inicio e fin da obriga de cotizar, sen fraccionamento da cota por días de alta.

Asimesmo, nas altas/baixas realizadas de oficio ou fóra de prazo, a obriga de cotizar nacerá o día primeiro do mes natural no que teña lugar o inicio da actividade e extinguirase no último día do mes natural en que cese o exercicio da actividade económica.

O pago das cotas de cotización deberán efectuarse de forma obrigatoria mediante domiciliación bancaria.  A modificación dos datos bancarios realizada ata o día 10 de cada mes, terá efectos para a cota a ingresar nese mesmo mes; se ben, o cambio de domiciliación bancaria realizado dende o día 11 de cada mes, terá efectos para a cota de cotización do mes seguinte á solicitude.

MODIFICACIÓN DAS BASES DE COTIZACIÓN

Os traballadores autónomos poderán cambiar 4 veces no ano a base de cotización pola que veñen obrigados a cotizar, elixindo outra dentro dos límites mínimo e máximo que lles resulten aplicables dentro de cada exercicio.

As solicitudes de cambio das bases de cotización terán as seguintes datas de efectos:

  1. Solicitudes realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo, efectos do 1 de abril.
  2. Solicitudes realizadas entre o 1 de abril e o 30 de xuño, efectos do 1 de xullo.
  3. Solicitudes realizadas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, efectos do 1 de outubro.
  4. Solicitudes realizadas entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, efectos do 1 de xaneiro do ano seguinte.

Asimesmo, os traballadores autónomos poderán solicitar que, mentres manteñan a súa condición de alta no RETA, a súa base de cotización se incremente automaticamente na mesma porcentaxe que aumente a base máxima de cotización. Esta solicitude poderá realizarse durante todo o ano natural, con efectos a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte.

DEDUCIBILIDADE NO IRPF DOS GASTOS DE SUMINISTROS DA VIVENDA PARCIALMENTE AFECTA Á ACTIVIDADE ECONÓMICA E DOS GASTOS DE MANUTENCIÓN INCORRIDOS NO DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE

Terá a consideración de gasto deducible para a determinación do rendemento neto en estimación directa:

  1. Primas de seguro de enfermidade satisfeitas polo contribuínte, na parte correspondente á súa propia cobertura, do cónxuxe e dos fillos menores de 25 anos cos que convivan. O límite máximo da dedución será de 500 € por cada unha das persoas sinaladas (1.500 euros por cada unha das persoas sinaladas, con discapacidade).
  2. No caso de afectación parcial da vivenda do contribuínte ao desenvolvemento de unha actividade económica, serán deducibles os gastos de subministro da mesma (auga, gas, electricidade, telefonía e internet) na porcentaxe resultante de aplicar o 30% á proporción existente entre os metros cadrados de vivenda destinados á actividade respecto da superficie total, salvo que se probe unha porcentaxe superior ou inferior.
  3. Os gastos de manutención do contribuínte incorridos no desenvolvemento da actividade, sempre que se produzan en establecementos de restauración e hostalería e que se abonen mediante medios electrónicos de pagamento; cos límites cuantitativos establecidos na normativa para as dietas e gastos de manutención dos traballadores.

 

MEDIDAS CON ENTRADA EN VIGOR O 01/03/2018:

BASE REGULADORA  DAS PRESTACIÓNS ECONÓMICAS DE MATERNIDADE E PATERNIDADE DOS TRABALLADORES POR CONTA PROPIA

Modifícase a forma de cálculo da base reguladora diaria das prestacións económicas  por maternidade e paternidade, que será o resultado de dividir a suma das bases de cotización ao RETA dos 6 meses anteriores ao feito causante entre 180 días. Na anterior regulación a base reguladora era a base de cotización do mes anterior ao feito causante.

O importe do subsidio de maternidade e paternidade mantense no 100% da base reguladora e igualmente tamén se mantén a posibilidade de desfrute en réxime de xornada parcial.

 

MEDIDAS CON ENTRADA EN VIGOR O 26/10/2017:

COTIZACIÓN AUTÓNOMOS EN SITUACIÓN DE PLURIACTIVIDADE

Os traballadores autónomos que simultaneamente traballen por conta allea, na cotización por continxencias comúns, teñen dereito ao reintegro do 50% do exceso no que as cotización superen a contía que a tal efecto estableza a Lei de Presupostos Xerais do Estado para cada ano, co tope do 50% da cotización por continxencias comúns do RETA.

A modificación que introduce esta Lei é que o reintegro efectuarase de oficio por parte da Seguridade Social, antes do 1 de maio do ano seguinte a aquel no que se produce o exceso.

Alternativamente, cando a alta inicial no RETA de lugar a unha situación de pluriactividade, aplicaranse as seguinte regras de cotización:

1ª Os traballadores poderán elixir unha base de cotización comprendida entre o 50% da base mínima durante os 18 primeiros meses (75% nos 18 meses seguintes ao período inicial) e a base máxima do RETA.

2ª No caso de que a actividade laboral por conta allea fose a tempo parcial, con unha xornada a partir do 50%, o traballador poderá elixir unha base de cotización comprendida entre o 75% da base mínima durante os 18 primeiros meses (85% durante os 18 meses seguintes ao este período inicial) e a base máxima do RETA.

A aplicación destas medidas serán incompatibles con calquera outra bonificación ou redución así como co reintegro do exceso de cotas.

AMPLIACIÓN A 12 ANOS DA IDADE DOS MENORES NAS BONIFICACIÓNS DOS AUTÓNOMOS POR COIDADO DE FILLO OU FAMILIAR A CARGO.

Os traballadores autónomos terán dereito, durante 12 meses, a unha bonificación do 100% da cota de continxencias comúns, aplicada sobre a base media de cotización dos doce meses anteriores, nos seguintes supostos:

  1. Por coidado de fillo menor de 12 anos ao seu cargo.
  2. Por ter ao seu cargo un familiar, ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, en situación de dependencia.
  3. Por ter ao seu cargo un familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, con parálise cerebral, enfermidade mental ou discapacidade intelectual en grao igual ou superior ao 33%, discapacidade física ou sensorial en grao igual ou superior ao 65%.

Mantense a vinculación desta bonificación á obriga de contratar a un traballador por todo o período de desfrute da mesma, mínimo 3 meses.

Mantense tamén como requisito para acceder á bonificación que o traballador autónomo debe carecer de asalariados dende os 12 meses anteriores á aplicación da mesma. Asimesmo, debe permanecer en alta no RETA durante os 6 meses seguintes á finalización da bonificación.

BONIFICACIÓN AUTONOMOS DURANTE DESCANSO POR MATERNIDADE, PATERNIDADE, ADOPCIÓN, GARDA CON FINS DE ADOPCIÓN, ACOLLEMENTO, RISCO DURANTE O EMBARAZO E RISCO DURANTE A LACTANCIA.

Os traballadores autónomos terán unha bonificación do 100% da cota de autónomos, aplicada sobre a base media de cotización dos 12 meses anteriores ao seu desfrute, cando a duración do descanso sexa como mínimo de 1 mes.

A diferencia máis significativa coa redacción anterior radica en que non é que non será requisito imprescindible para acceder a esta bonificación que o traballador autónomo sexa substituído mediante un contrato de interinidade durante o descanso. Se ben, esta bonificación é compatible coas bonificacións dos contratos de interinidade neste período.

BONIFICACIÓN NA COTIZACIÓN DAS TRABALLADORAS AUTONOMAS QUE SE INCORPOREN Á ACTIVIDADE TRAS O CESE POR MATERNIDADE, ADOPCIÓN, GARDA, ACOLLEMENTO E TUTELA.

Cando volvan a realizar unha actividade por conta propia nos 2 anos seguintes ao cese por maternidade, adopción, garda, acollemento e tutela; as traballadoras autónomas terán dereito a unha bonificación; en virtude da cal, a cota por continxencias comúns será de 50€ mensuais durante 12 meses, cando opten pola base mínima de cotización.

Se a base de cotización da traballadora autónoma é superior á mínima, terá unha redución do 80% sobre a cota de continxencias comúns, calculada sobre a base mínima de cotización.

BONIFICACIÓN POR CONTRATACIÓN DE FAMILIARES DO TRABALLADOR AUTÓNOMO

O traballador autónomo que realice un contrato indefinido por conta allea ao cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao, terá dereito a unha bonificación na cota empresarial por continxencias comúns durante 12 meses.

Para acollerse a esta bonificación será preciso que o autónomo non realizase extincións de contratos nos 12 meses anteriores por despidos disciplinarios ou causas obxectivas declaradas improcedentes ou despidos colectivos declarados non axustados a Dereito e que manteña o nivel de emprego acadado coa contratación nos 6 meses posteriores á celebración do contrato.

BONIFICACIÓN POR ALTAS DE FAMILIARES COLABORADORES DO TRABALLADOR AUTÓNOMO

O cónxuxe, parella de feito e familiares ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade do traballador autónomo, que se incorporen como Familiar Colaborador do Autónomo, sempre e cando non estiveran de alta nos 5 anos anteriores, terán dereito a unha bonificación do 50% da cota calculada sobre a base mínima, durante 18 meses; e un 25% da cota durante 6 meses máis, acadando un período de bonificación total de 24 meses.

Segundo esta Lei, a existencia de parella de feito acreditarase mediante certificación da inscrición como tal nalgún dos rexistros habilitados ao efecto ou documento público; así como, co certificado de empadroamento que acredite a convivencia estable con unha duración ininterrompida non inferior a 5 anos.

BASE MÍNIMA PARA TRABALLADORES AUTÓNOMOS CON 10 OU MÁIS TRABALLADORES

A base mínima de cotización para aqueles autónomos que durante cada exercicio tiveran contratado de forma simultánea a 10 ou máis traballadores, para os socios traballadores de sociedades laborais e para socios de sociedades mercantís, determinarase anualmente na Lei de Presupostos Xerais do Estado. Deixa de ser a base mínima do grupo 1 do Réxime Xeral da Seguridade Social.

RECOÑECEMENTO DO ACCIDENTE IN ITINERE PARA OS TRABALLADORES AUTÓNOMOS

Tamén se entenderá accidente de traballo o sufrido polo traballador autónomo ao ir e volver do lugar no que se presta a actividade económica ou profesional; no que habitualmente exerza a súa actividade, sempre que non coincida co seu domicilio e se corresponda con un local, nave ou oficina declarado como afecto á actividade a efectos fiscais.

 COMPATIBILIDADE DA REALIZACIÓN DE TRABALLOS POR CONTA PROPIA COA PERCEPCIÓN DE UNHA PENSIÓN DE XUBILACIÓN CONTRIBUTIVA

Cando o acceso á pensión de xubilación ten lugar cumprida a idade ordinaria de xubilación que resulte en cada caso e a porcentaxe aplicable para o cálculo da contía da mesma acade o 100%; a pensión de xubilación será compatible coa realización de un traballo por conta allea ou propia.

Como resultado desa compatibilidade entre pensión e traballo, a contía da pensión de xubilación  a percibir é do 50% do importe resultante no recoñecemento inicial da mesma, calquera que sexa a actividade ou xornada que realice o pensionista.

Co nova regulación, no caso que o pensionista realice unha actividade por conta propia e contrate a lo menos a un traballador por conta allea, a contía da pensión acadará o 100%.