Volve a Melide o Salón da Voda coas últimas tendencias do sector nupcial

Volve a Melide o Salón da Voda coas últimas tendencias  do sector nupcial

As campás de voda soan de novo en Melide para anunciar a volta do salón nupcial, que despois de tres anos de ausencia volverá ser unha realidade a fin de semana do 11 e 12 de marzo. A vila recuperará así un dos eventos de promoción e dinamización comercial máis importantes que se ten realizado nos últimos anos.

O motivo que explica o regreso do Salón da Voda melidense non é outro ca o interese reiterado que amosaron diferentes empresas do sector nupcial (maiormente de fóra da comarca) dende que se clausurou a terceira e última edición, en marzo de 2014, por participar nel e empregalo como plataforma para dar a coñecer os seus negocios. Foi así que o Concello de Melide se decidiu a relanzar a iniciativa.

 

Algúns cambios

O Salón da Voda regresa pero non exactamente coa mesma fórmula das tres anteriores edicións, celebradas respectivamente en 2012, 2013 e 2014 baixo o lema Casa comigo en Melide. Este ano pasa a ser Casa con nós, aínda que ese non é o cambio máis significativo, senón o feito de que tanto Asetem como o Concello xogarán un papel secundario, colaborando e apoiando loxisticamente á organización, que recaerá en Frida Kiwi, unha empresa especializada en eventos nupciais.

Da man deste cambio vai outra das principais novidades  desta edición, como será a presenza de empresas de fóra de Melide. De feito, dos case 50 negocios que xa teñen confirmada a súa asistencia, só 10 teñen a súa sede na vila. A Coruña, Santiago, Betanzos, Ordes, Touro, Bertarmiráns ou Arzúa son algúns dos lugares de procedencia do resto de empresas.

O Pazo de Congresos repetirá como escenario do evento,  que pasará a celebrarse durante dous días. O sábado 11 poderá visitarse de 11:00 a 15:00 pola mañá e de 16:30 a 20:30 pola tarde. O domingo terá idéntico horario pola mañá pero cambiará pola tarde; de 16:00 a 19:00.

 

Oferta completa

O que non cambiará será a variedade de oferta do salón da voda, no que os asistentes atoparán todo o que precisan para organizar un casamento. Haberá representación dos sectores da moda para noiva, noivo e invitados, perruquería, florería, fotografía e vídeo, hostalería e restauración, xoiería, animación musical e infantil, coches clásicos e autocares, axencias de viaxe, deseño gráfico e impresión, organizadores e oficiantes de vodas, iluminación e carpas.

As novidades que vaian xurdindo ata a celebración do evento poderán seguirse en www.salondevoda.com

 

Coche con noivos     Coche con noivos 3