A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) está a organizar un curso formativo sobre benestar animal dirixido aos profesionais relacionados co sector gandeiro: persoal de granxas, centros de concentración e matadoiros, coidadores e transportistas.

Realizarase entre os días 27 de febreiro e 15 de marzo na sede da patronal melidense e terá unha duración de 40 horas. As clases impartiranse de luns a venres de 9 menos cuarto da noite a 11 e cuarto.

O curso ten por obxectivo principal formar ao alumnado nos requisitos básicos para garantir a seguridade e o benestar dos animais nas explotacións gandeiras. Recibirán nocións xerais sobre os equipamentos que permiten mellorar as condicións de produción e sobre as prácticas que evitan problemas sanitarios nas granxas.

Por outra banda, tamén se formará aos asistentes sobre o manexo e o transporte de animais vivos. Abordarase o proceso de carga, descarga e condución. Tamén os requisitos a ter en conta para que o transporte dos animais se realice garantindo o seu benestar e a seguridade tanto dos bichos como do profesional.  Ademais, explicarase como actuar en caso de emerxencia e falarase en detalle sobre a  documentación necesaria para o transporte dos animais.

As persoas interesadas en realizar dito curso deben anotarse nas oficinas de Asetem antes do 16 de febreiro. Tamén poden facelo chamando ao número de teléfono 981 50 61 88. Hai dispoñibles 20 prazas. En caso de que haxa moita demanda, a admisión realizarase por orde de inscrición.

Benestar Animal 2