A golpe de click é como se fan a día de hoxe as mellores campañas de publicidade e promoción. E así, a golpe de click, foi como 40.500 persoas entraron en contacto co comercio de Melide grazas ao Concurso de Escaparates para Nadal que convocou o Concello co obxectivo principal de implicar aos establecementos para “embelecer o seu produto e así mesmo a propia vila con ideas innovadoras”.

O resto púxoo a plataforma empregada para darlle visibilidade a dito concurso, que non foi outra que a páxina de Facebook de Turismo Melide, onde se creou un álbum con fotografías de todos os escaparates participantes: 75. As instantáneas reuniron no seu conxunto 8.890 “Gústame”, foron compartidas 250 veces e acadaron a 40.500 persoas, segundo se fixo público dende a propia páxina, onde se cualificou a resposta da xente de “espectacular” e de mostra “da vitalidade do noso comercio”.

 

Premios para os mellores

Sobre o terreo, un xurado integrado pola concelleira de Benestar, unha técnica de Turismo do Concello, unha locutora de Radio Melide, unha especialista en escaparatismo e a presidenta de Cáritas Parroquial encargouse de visitar un por un todos os escaparates para escoller os tres mellores. Finalmente o primeiro premio, dotado con 400 euros, foi  para a Autoescuela Marte “pola súa orixinalidade e composición”. O segundo premio (200 euros) recaeu en Peluquería Gómez Andón “pola súa innovación” e o terceiro (100 euros) foi para Romero Zapaterías “polo seu deseño”.

Escaparate 1                    Escaparate 2                  Escaparate 3

Rocío Mejuto, “Pequeniños”. Premio do público

Á marxe dos galardóns entregados polo xurado, clientes e visitantes tamén puideron escoller o seu escaparate favorito votando a través do perfil de Facebook de Turismo Melide. Nesta categoría o establecemento gañador foi Pequeniños, cuxa fotografía obtivo exactamente 724 “Gústame”.

Para a propietaria desta zapatería infantil asociada a Asetem, Rocío Mejuto, o galardón foi “toda unha sorpresa” pois “non contaba con que a resposta da xente fose tan boa”. Era ademais a primeira vez que deseñaba un escaparate de Nadal, xa que a tenda abriu as súas portas en marzo de 2016. Para a súa confección Rocío contou coa axuda dun profesional na materia que conseguiu materializar a idea que ela tiña en mente. O conxunto recrea o exterior dunha vivenda en tempo de Nadal, poñendo o foco nas fiestras, envoltas en folerpas de neve e  nas que se apoian tenros bonecos.