Van xa dezaoito edicións, pero o Mercamelide non deixa de  ofrecer ano tras ano importantes novidades. O Pazo de Exposicións e Congresos acollerá os días 27 e 28 de agosto unha nova entrega da feira de oportunidades por excelencia da comarca e farao cunha nova incorporación; a do sector do automóbil, que despois dunha presenza efémera hai tres anos regresa para formar parte da variada oferta que poderán atopar os visitantes durante a vindeira fin de semana en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas.

Será a segunda vez que haxa automóbiles á venda no Mercamelide. A primeira foi no ano 2013, tamén nunha edición de verán, máis daquela a iniciativa non conseguiu callar e perpetuarse no tempo. Agora o sector volve da man de dous concesionarios da vila das marcas Opel e Kia que levarán unha representación dos seus vehículos e informarán das ofertas aplicadas a diferentes modelos.

Dende Asetem animouse especialmente aos concesionarios asociados a participar na feira de saldos; xa non só por facela máis variada e atractiva para o cliente, senón tamén por considerar que é un excelente escaparate para darlle publicidade a un sector xa asentado pero con gran potencial en Melide. “Moita xente aínda non é consciente das posibilidades que ofrece a vila á hora de mercar un vehículo sen necesidade de desprazarse ás cidades. Queremos facer iso visible”, apuntan dende a directiva da patronal.

 

Grandes saldos e sorteos

Á marxe das novidades o Mercamelide ofrecerá “de todo para todos” de man de 22 comercios participantes que ao longo de toda a fin de semana aplicarán descontos de ata o 70% en produtos para o fogar, menaxe, mobles, decoración, deportes, mercería, perfumería, electrodomésticos, calzados, roupa, lencería, complementos e automoción.

Ao igual ca en edicións anteriores tamén se mantén o reparto de rifas entre os clientes por cada compra que realicen. Serán válidas para participar no sorteo de vales por valor de 600 euros. Este ano introducíronse cambios na dinámica de ditos sorteos. Realizaranse tres: un o sábado ás 19:00 horas e dous o domingo: un ás 14:00 e outro ás 19:00. En cada un deles sortearase un vale de 200 euros que se poderá consumir en calquera dos 22 comercios participantes no Mercalide. Durante toda a fin de semana haberá inchables e animación infantil para os máis cativos.