Un dos aspectos diferenciais do comercio de Melide é o feito de abrir todos os domingos do ano, unha característica que o fai singular dentro do panorama galego e que supón en si mesma un atractivo para os consumidores.

Consciente dese potencial, Asetem acaba de poñer en marcha unha campaña informativa para promocionar os domingos de Melide e dar a coñecer esta peculiaridade en núcleos de poboación próximos nos que haxa clientes susceptibles de desprazárense ata a vila. En concreto, repartiranse algo máis de 3.000 trípticos entre as cidades d´A Coruña e Lugo e as vilas de Lalín e Arzúa.

(Pica no enlace e descarga: Tríptico Aberto os Domingos)

 

Máis ca comercio

Baixo un lema tan sinxelo como é “Melide, aberto os domingos”, o tríptico inclúe na súa parte exterior o nome de 95 negocios asociados a Asetem clasificados por categorías: restauración, bares e cafés, repostería e pastelería, tendas de alimentación, perruquería, ocio e por último comercio, categoría esta última na que se establecen subdivisións en función do sector ao que pertenzan; roupa, calzado, xoias, mobles, saúde, tecnoloxía, fotografía ou tendas tipo bazar.

Ademais, dito tríptico recolle tamén información adicional “para facer ver que unha mañá de compras se pode completar cunha boa oferta gastronómica e unha tarde de turismo, facendo de Melide un lugar ideal para pasar toda unha xornada”, explica o presidente de Asetem, Manuel Vázquez.

Así é que no seu deseño o tríptico fai referencia á tradición pulpeira de Melide, á súa repostería propia e ao tradicional queixo de Arzúa-Ulloa. Tamén menciona algúns elementos patrimoniais de interese e varios enclaves da contorna que merecen ser visitados, como por exemplo as aldeas de Furelos e Leboreiro en Melide, as fervenzas de Brañas e a igrexa de Santo Antoíño en Toques ou o encoro de Portodemouros e as rutas de sendeirismo en Santiso.

Comercio                                         Que ver                                                         Gastronomía