Xa está en marcha a segunda edición de “Unha voltiña por Melide”, a campaña de dinamización comercial posta en marcha por Asetem a través da cal grupos de turistas do Imserso aloxados no Balneario Río Pambre pasan unha tarde de lecer e compras na vila. Tralo éxito acadado en 2015, o pasado 26 de abril retomouse este programa coa chegada da primeira expedición de visitantes. Ata o 20 de decembro virán un total de 23 grupos, que sumarán no seu conxunto máis de 500 persoas. Os visitantes son trasladados nun autobús fretado polos 25 establecementos asociados a Asetem que colaboran con esta iniciativa.  Durante o traxecto entrégaselles un tríptico con información dos comercios participantes e dos principais lugares de interese.