As tendas de Melide teñen sempre moito que ofrecer, pero entre os días 9 e 20 de maio engadirán á súa variada oferta 30 tarxetas-regalo con premios de 300 e 100 euros que serán sorteadas entre a clientela do comercio local. Tan suculenta recompensa chega de man da campaña “As compras na túa vila teñen premio”, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Comercio en colaboración coa Xunta e Asetem, que se desenvolverá en Melide durante dúas semanas.

A mecánica desta campaña, na que participan todos os establecementos comerciais do casco urbano, é do máis sinxelo: a organización instalará unha carpa no Cantón de San Roque que, atendida por azafatas, se converterá no punto de referencia para clientes e comerciantes durante os días que dure a iniciativa. Ata ese lugar terán que acudir os consumidores que merquen nas tendas da vila co fin de cambiar os seus tickets de compra por boletos para participar no sorteo dos premios anteriormente citados.

Dito sorteo celebrarase na xornada de clausura da campaña, é dicir, o  20 de maio. Dará comezo ás 20:00 horas e terá como escenario a Praza do Convento, onde se instalará unha carpa de maiores dimensións que acollerá un completo programa de actividades e espectáculos de animación. Entre eles destaca o do mago cómico “O Rei Midas”, que comezará  ás 19:00 e estará dirixido ao público infantil.

É requisito imprescindible que os consumidores estean presentes no sorteo para poderen recoller o seu premio en caso de resultar agraciados. En total repartiranse 4.000 euros distribuídos en 5 tarxetas-regalo de 300 euros e outras 25 de 100 euros cada unha. As persoas premiadas deberán consumilas nas tendas de Melide.

 

OBXECTIVO: DIFUNDIR AS BONDADES DO COMERCIO TRADICIONAL

Melide, xunto con Monforte de Lemos, Ourense e Pontevedra foi unha das localidades elixidas pola Federación Galega de Comercio para poñer en marcha “As compras na túa vila teñen premio”, unha campaña dirixida á promoción do consumo no comercio tradicional mediante a difusión das bondades, o bo servizo e a calidade que lle proporciona o pequeno comercio ao consumidor. Esta iniciativa leva realizándose nove anos e non é a primeira vez que recala en Melide, onde xa se celebrou en 2010 con moi boa acollida por parte dos comerciantes e con éxito de público.

Dende Asetem agardan que a resposta sexa semellante nesta ocasión e que a campaña sirva “para acabar de convencer a quen aínda teña dúbidas de que o comercio de Melide está a un gran nivel e de que somos un centro comercial aberto do máis completo e competitivo”, sinala o presidente, Manuel Vázquez. A patronal agradece que se pensara en Melide para desenvolver unha campaña “que non só beneficiará a comerciantes e clientes en termos económicos senón que tamén fará unha promoción impagable de Melide como marca e referente comercial”.