Pasados case dous anos dende a celebración coa que se conmemorou o 25º aniversario da creación de Asetem, a patronal da comarca melidense retomou o pasado 1 de abril a súa tradicional cea de confraternidade. Nela participaron arredor de 100 socios e socias de diferentes sectores que compartiron unha velada de encontro no Hotel Carlos 96.

Á xuntanza tamén acudiu, en representación da Xunta de Galicia, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, así como representantes de asociacións de comerciantes e empresarios de ámbito provincial e autonómico: Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC); Miguel Agromayor, presidente da Federación Provincial de Comercio, e Javier Pérez Bello, presidente da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA). Na cea tamén participou a alcaldesa de Melide, Dalia García.

Antes de dar conta do menú, houbo un tempo para as intervencións que abriu o presidente da CEC. Antonio Fontenla fixo referencia ao “enorme sector privado” co que conta a comarca e sinalou que “por situación y por mérito tenéis un comercio y un sector turístico muy importantes”. Ao seu xuízo estas características, xunto coa potencialidade do Camiño de Santiago, fan que de cara aos investimentos empresariais Melide sexa “apetecible dentro de la genialidad de Galicia”.

De seguido tomou a palabra a directora xeral de Comercio, quen resaltou a importancia que o tecido empresarial ten nos momentos actuais: “Imos camiño do crecemento e precisamos de vós, que sodes os que lle dades forza á economía”, dixo Sol Vázquez ante o público asistente. A isto engadiu, dende a súa condición de xestora política, que “hoxe é un día no que nos toca agradecer o voso esforzo, a loita no día a día das vosas empresas”.  Por último brindou o apoio da Xunta “para todo o que precisedes, especialmente en materia de comercio”.

 

Manuel Vázquez: “cando nos implicamos as cousas funcionan, cando sumamos forzas todo vai mellor”

O actual presidente de Asetem, Manuel Vázquez, aproveitou a celebración da cea anual de confraternidade para apelar á unión de todos os empresarios da comarca e instalos a “sumar forzas e implicarse” co obxectivo de darlle maior difusión e utilidade ás iniciativas que se realizan en beneficio de Melide. “O espírito de traballo conxunto é o que lle dá sentido a Asetem. Somos un colectivo e todos e cada un de nós sumamos”, dixo no que foi o seu primeiro discurso público ante os socios e socias da patronal.

Manuel Vázquez centrou parte da súa intervención na necesidade de darlle maior dimensión ao polígono da Madanela para facelo realmente competitivo: “Melide xa é un referente comercial, agora temos que conseguir que tamén sexa un referente industrial”, manifestou. Nese sentido, referiuse á futura autovía como “unha gran oportunidade” que “non poderemos aproveitar se non logramos superar os problemas que levan hipotecando o desenvolvemento do polígono dende hai anos”. É por isto que aproveitou a presenza de responsables políticos do Concello e da Xunta para pedir o seu apoio “nunha cuestión vital para Melide” e que contribúan a que se cambie a catalogación da zona como Lugar de Interese Comunitario; figura de protección medioambiental que impide a futura ampliación do parque.

Por outra banda o presidente de Asetem incidiu na importancia de sumarse ao carro das novas tecnoloxías e animou aos presentes a non deixarse levar “pola relaxación que vemos en moitos negocios de Melide á hora de dar o salto ao mundo dixital”.

MesaCachi     MesaPrado

MesaElectro    MesaChic