|
A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) celebrou o pasado 3 de maio asemblea xeral ordinaria. Os membros da xunta directiva compareceron ante os socios da entidade para facer balance do exercicio de 2011, un ano marcado pola crise económica no que “os recursos dispoñibles foron menores, os esforzos maiores e as decisións máis difíciles”, segundo explicou Sonia Valiño, presidenta da patronal melidense.
Valiño recoñeceu que “foi necesario valorar detidamente todos os pasos que se deron ao longo do ano” pero destacou que “a pesar das adversidades, e sen dar un paso atrás, a asociación continuou adiante cos proxectos existentes e puxo en marcha outros novos, como a Pasarela de Moda”. É por iso que Asetem fai un balance “moi positivo” dun ano “difícil” e prevé seguir unha liña semellante no 2012. Nese sentido, no transcurso da asemblea acordouse realizar unha campaña intensiva de captación de socios. O obxectivo é contrarrestar a redución das subvencións e fortalecer a entidade nun momento no que se prevé que, en breve, as axudas concedidas dependerán do número de membros que teñan as asociacións. Na actualidade Asetem conta cun total de 153 asociados.
Obxectivos para 2012
Ademais da campaña de captación de socios acordada entre os asistentes á asemblea, a vicepresidenta de Asetem, Elena Quintas, deu a coñecer os obxectivos que marcarán o funcionamento da patronal no presente exercicio. Entre os máis relevantes destacan dar continuidade á Pasarela de Moda e volver participar na organización do Salón da Voda. Outra das intencións é buscar novas vías de promoción para aqueles sectores de socios que ata agora tiveron menor proxección.
Tamén se contempla renova...
|
 |